Medidas que facilitan o acceso a servizos de atención a persoas dependentes maiores, menores ou afectadas por diversidade funcional.

Servizo de escola infantil externo á empresa.

Facilitarlles ás persoas que traballan na empresa unha escola infantil para as e os menores baixo a súa responsabilidade. Esta medida contempla dúas opcións: que a empresa asuma o custo da praza na escola infantil ou que sexan as empregadas e empregados quen o asuma, pero que se beneficien de descontos e dereitos preferentes de acceso ao centro.

Servizo de escola infantil propio da empresa.

Proporcionar este servizo nas propias instalacións ou crealo de maneira mancomunada entre varias empresas que compartan esta necesidade, no suposto de localización en polígonos industriais ou outros recintos de concentración de empresas. Neste último caso, cobra interese apoiarse nas asociacións empresariais como organismos de coordinación empresarial.

Centros de día.

Facilitar ao persoal o coidado das persoas maiores dependentes que teñen ao seu cargo. Pódese facer de varias maneiras: centro propio da empresa (de maneira similar aos servizos de escola infantil); concertos con centros para que as persoas que traballan na empresa se beneficien dos dereitos preferentes de inscrición e descontos negociados ou subvención total ou parcial dos custos do centro.

Servizo de atención individual de persoas dependentes.

A empresa pon ao dispor das empregadas e empregados un servizo para atender os problemas puntuais que poidan xurdirlles no coidado de persoas dependentes baixo a súa responsabilidade. Adoitan ser servizos subcontratados dos que só se fai uso cando xorde a necesidade (por exemplo, acompañar a unha consulta médica a persoas dependentes, compañía no domicilio, servizo de comidas a domicilio para persoas dependentes...).

Servizo de atención infantil ou canguros durante as viaxes.

Ás persoas traballadoras que teñan que viaxar por motivos profesionais a empresa facilitaralles a cobertura das necesidades de atención das e dos menores que teñan baixo a súa responsabilidade.

Sala de lactación na empresa.

As traballadoras en período de lactación natural e os traballadores e traballadoras con menores lactantes, teñen á súa disposición nas instalacións da empresa unha sala acondicionada para a realización de tal función, xa sexa de forma natural ou artificial.

Sala de repouso para traballadoras embarazadas.

As traballadoras embarazadas requiren de tempos de descanso e repouso durante a xornada laboral para o que poden dispoñer dun espazo adecuado nas instalacións da empresa.

Comedor de uso individual.

A empresa pon ao dispor do persoal que elixa traer ao traballo os seus alimentos un espazo habilitado como comedor para evitar a perda de tempos nos desprazamentos para xantar e o cansazo derivado deles.

Impulso do acceso dos empregados aos permisos de paternidade.

Para eliminar a discriminación por xénero nos postos de traballo, a empresa pode dispoñer de medidas que supoñan implicar aos homes na articulación da vida laboral e familiar, apostando pola corresponsabilidade. Así, pode impulsar permisos de paternidade máis amplos que os obrigatorios por lei e promocionar estes permisos entre os traballadores, de maneira que non existan diferenzas entre os permisos por paternidade/maternidade na empresa e se reduzan as diferenzas entre ambos os xéneros.