Os beneficios sociais son complementos extra salariais que a empresa lle ofrece ao seu persoal co obxecto de vinculala e motivala, aforrándolle esforzos económicos, tempo e preocupacións. Na práctica estes beneficios, financiados total ou parcialmente pola empresa, veñen mellorar a xestión dos tempos das persoas traballadoras, afectando indirectamente ao seu grao de conciliación. Por esta razón, aínda que os beneficios sociais non son medidas de conciliación no sentido máis estrito da palabra, considérase que merecen unha mención nesta sección.

Retribución á carta.

A empresa ofrécelle ao seu persoal un abanico de beneficios aos que cada persoa pode acceder voluntariamente e seranlle retidos da nómina os custos dos produtos que elixa. Os beneficios que se obteñen son a correspondente dedución no IRPF e o acceso a estes produtos a un prezo máis competitivo a raíz da negociación coa empresa provedora.

Bono restaurante.

As traballadoras e traballadores dispoñen duns bonos para facer fronte aos custos da comida nun restaurante cando teñen xornada partida, de tal maneira que non perden o tempo do desprazamento ás súas casas e poden saír antes.

Restaurante ou comedor de empresa.

A empresa conta cun servizo de comedor dirixido ás súas traballadoras e aos seus traballadores con prezos razoables e dietas variadas que respondan as necesidades temporais ou permanentes do persoal.

Seguro médico.

As empresas facilítanlle ao seu persoal un seguro médico privado individual, deste xeito axilízanse os prazos de espera para consulta médica.

Coche de empresa.

A empresa pon un coche á disposición da empregada ou do empregado para que non teña que facer uso do propio nos desprazamentos por razóns laborais e persoais.

Buses ou microbuses de empresa.

Servizo de buses ou microbuses que recollen as persoas traballadoras no seu domicilio, proximidades, ou en puntos previamente establecidos (paradas de liña de autobuses públicos, estacións de trens ou autobuses...) para achegalas ás instalacións da empresa e, despois da xornada laboral, levalas de volta a casa. Son moi recomendables para as empresas situadas no medio rural ou fóra dos grandes núcleos urbanos.

Financiamento a custo cero.

A empresa facilítalles ás empregadas e aos empregados a posibilidade de solicitar un anticipo, para cubrir gastos puntuais. Tanto a cantidade como os motivos serán estipulados pola empresa. O pago farase por medio de retencións en nómina en varios prazos ao 0 % de interese. Se a persoa deixa de traballar na empresa estaría obrigada a satisfacer a débeda nese momento.

Formación.

As persoas traballadoras poderán acceder a plans de formación dentro do horario laboral sempre que estes teñan que ver co desenvolvemento profesional no posto de traballo. Ademais existe a posibilidade de que a empresa lles financie ás persoas traballadoras o acceso a cursos que teñan que ver coa súa traxectoria profesional.

Seguro de vida.

A empresa paga durante a vixencia do contrato as primas periódicas de seguros de vida en favor do seu persoal.

Plan de pensións.

Beneficio social polo que a empresa abona, durante a vixencia do contrato, as primas dun plan de xubilación a favor das súas empregadas e empregados para que, cando finalice o contrato, no momento pactado, reciban un capital final garantido ou ben unha renda vitalicia.

Cooperativas de vivendas.

Constitución de cooperativas de vivendas con apoio económico da empresa para o seu financiamento que permita a adquisición ou, se é o caso, o aluguer a prezos moderados.

Bonos de actividade e adquisición de produtos.

A empresa pode negociar con outras empresas a participación ou compra de produtos e servizos a baixo custo para as súas traballadoras e os seus traballadores.