A igualdade como concepto, en xenérico, refírese á condición de “un/ha igual a outro/a”, polo tanto, é un principio que recoñece a equiparación de todas as persoas en dereitos e obrigas.

A igualdade entre mulleres e homes é un principio xurídico universal recoñecido en diversos textos internacionais sobre dereitos humanos, entre os que destaca a Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, aprobada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en decembro de 1979 e ratificada por España en 1983. Este principio xurídico universal garante que todas as persoas, independentemente do seu sexo, teñen os mesmos dereitos, oportunidades e responsabilidades ou deberes fronte ao Estado e a sociedade no seu conxunto.

Aínda que actualmente a igualdade está recoñecida desde un punto de vista formal, é dicir, no ámbito xurídico, de tal forma que as leis ofrecen un tratamento igual a homes e mulleres, isto non significa que exista unha igualdade real. Tal e como recollía a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o pleno recoñecemento da igualdade formal ante a lei, aínda comportando, sen dúbida, un paso decisivo, resultou ser insuficiente. A discriminación salarial, a discriminación nas pensións de viuvez, o maior desemprego feminino, a aínda escasa presenza das mulleres en postos de responsabilidade política, social, cultural e económica, ou os problemas de conciliación entre a vida persoal, laboral e familiar mostran como a igualdade plena, efectiva, entre mulleres e homes, é aínda hoxe unha tarefa pendente, polo que é necesario abordar un cambio máis profundo nos nosos valores e ideas que provocan que se manteñan as desigualdades.

Para conseguir a igualdade real é necesario traballar por ela a todos os niveis, xa que cada persoa, entidade e organización ten a posibilidade de combater todas as manifestacións aínda subsistentes de discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo e de promover a igualdade real entre mulleres e homes, eliminando os obstáculos e estereotipos sociais que impiden acadala.

Neste espazo web intégrase toda a información necesaria para que as empresas poidan integrar o principio de igualdade na súa estratexia, garantindo a súa competitividade, calidade e supervivencia, amosando o seu compromiso coa igualdade e a loita contra as discriminacións por razón de sexo.