Para a elaboración do Plan de Igualdade pódese seguir a Guía “Como Elaborar un Plan de Igualdade na Empresa”, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Consellería de Emprego e Igualdade, onde podes atopar información sobre a estrutura e contido que debe recoller o plan de igualdade, así como tamén modelos de documentación a realizar (actas, fichas, etc.).

Con carácter previo á elaboración do Plan de Igualdade, debe elaborarse un diagnóstico pormenorizado (de carácter cuantitativo e cualitativo) que permita recompilar toda a información sobre as características da empresa e a situación de igualdade na mesma, e así detectar as principais áreas de mellora.

Deberase ter en conta, para iso, a perspectiva de xénero para a análise, por tanto, toda a información relativa a cada unha das materias mínimas a analizar, así como todos os datos e resultados, deberá estar desagregada por sexo.

Ademais, é conveniente que o Plan de Igualdade presente as seguintes características:

Estratéxico

Xa que será o que determine un novo modelo organizativo.

Participativo

No seu deseño deben participar todas as persoas que forman parte da organización: dirección, representación legal do persoal e o conxunto do persoal, e afectará a futuras incorporacións.

Práctico e realista

Porque nel defínese de forma concreta o desenvolvemento das súas accións, prazos, persoas responsables, indicadores de seguimento e avaliación e recursos asignados para a súa consecución.

Transversal

Porque afecta a todas as áreas, departamentos e actividades da empresa e intégrase en todas as súas políticas e a todos os niveis.

Dinámico

Xa que está aberto á incorporación de cambios en función das necesidades que poidan xurdir a partir do seu seguimento e avaliación.

Transparente

Xa que garante o acceso á información tanto da estrutura de persoal como da representación legal do persoal.