Unha vez aprobado o plan de igualdade, comeza xa a contar o período de vixencia.

Neste momento débense desenvolver todas as accións previstas no plan levando, á súa vez, un control da consecución dos obxectivos establecidos, así como da execución de todas as medidas. É importante, neste momento, contar cos recursos económicos, humanos e/ou materiais necesarios para o cumprimento das medidas en tempo e forma.

En paralelo á implantación do plan deberá facerse un seguimento do mesmo, é dicir, a análise do desenvolvemento do plan e da execución das medidas que contempla. Desta forma, irase verificando o cumprimento de todos os obxectivos e accións recollidas no plan e, no caso de que se detecten desaxustes ou problemáticas que dificulten a execución das medidas, poderanse establecer melloras ou accións correctoras, en caso necesario.

Para facilitar este seguimento, podes utilizar o Modelo de Ficha que recolle a Guía “Como Elaborar un Plan de Igualdade na Empresa”, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Consellería de Emprego e Igualdade.

Este seguimento do plan deberá facerse de forma periódica, segundo os prazos marcados no calendario de actuacións do plan de igualdade ou no regulamento da comisión de seguimento, e os resultados obtidos desta tarefa servirán para a revisión do plan, en caso necesario, e/ou para a seguinte fase, que é a Avaliación.

A avaliación consiste en coñecer o grao de desenvolvemento do plan e de cumprimento dos obxectivos e das medidas contempladas no mesmo, e deberá realizarse, polo menos, unha avaliación intermedia e outra final.

Esta avaliación responderá a 3 preguntas sobre o desenvolvemento do plan de igualdade:

Que se fixo

Avaliación do resultado

  • Grao de cumprimento dos obxectivos.
  • Grao de consecución dos resultados esperados.
  • Nivel de corrección das desigualdades detectadas no diagnóstico.

Como se fixo

Avaliación do proceso

  • Nivel de desenvolvemento das accións emprendidas.
  • Grao de dificultade atopado no desenvolvemento das accións.
  • Dificultades e solucións emprendidas.
  • Cambios producidos nas accións e desenvolvemento do Plan.

Que se conseguiu

Avaliación do impacto

  • Grao de incorporación da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na xestión da empresa.
  • Cambios na cultura empresarial: actitudes da dirección e do persoal, nas prácticas de recursos humanos…
  • Redución de desequilibrios na presencia e participación de mulleres e homes.