O proceso para a elaboración e implantación dun plan de Igualdade nas empresas está determinado por varias fases nas que existen prazos prefixados para a execución das tarefas. Indicamos a continuación as fases do proceso e os prazos que lles afectan:

FASES PROCESOS PRAZOS
FASE I
POSTA EN MARCHA
  • Comunicación escrita de apertura da negociación
  • Constitución da Comisión negociadora
  • Empresas de 50 ou máis persoas: 3 meses desde que se alcance o número de persoas que fan obrigatorio o plan de igualdade.
  • Convenio colectivo: O determinado no convenio ou, no seu defecto, 3 meses posteriores á publicación do convenio.
  • Autoridade laboral: O que se fixe no acordo.
FASE II
DIAGNÓSTICO
  • Planificación
  • Recompilación da información
  • Análise da información
  • Redacción do informe de diagnóstico
  • Comunicación ao persoal da empresa das conclusións do diagnóstico

A elaboración do diagnóstico e do plan de igualdade é un proceso de traballo cuxa duración e prazos dependerá dos seguintes condicionantes:

  • Se é elaborado pola propia empresa. Neste caso, o prazo de execución dependerá, por unha banda, do calendario de traballo establecido para a recompilación e tratamento da información cuantitativa e cualitativa para a elaboración do diagnóstico, e da planificación establecida para a negociación do plan.
  • Se é elaborado con axuda externa (asesoramento técnico externo). Neste caso, é importante supervisar o calendario de traballo proposto pola entidade externa responsable do asesoramento para a elaboración e implantación do plan. En todo caso, para unha correcta execución de cada unha das fases, é necesario por parte da dirección e dos departamentos/ persoal involucrado no proceso, facilitar con prontitude a información solicitada polo persoal técnico ou consultoría externa para a correcta execución de cada unha das fases.
  • Se se solicita unha subvención para o seu financiamento. Neste caso, deberanse ter en conta, tanto os prazos de concesión ou resolución da axuda, como os prazos de xustificación da mesma, xa que estes condicionarán todo o proceso. Neste escenario, tamén é importante ter en conta os requisitos documentais esixidos para a xustificación da axuda, xa que é habitual atopar, entre os documentos requiridos para a xustificación, o número de depósito no REGCON (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia) e a copia da solicitude de certificación (acreditación) do Plan presentada á Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade.
FASE III
ELABORACIÓN DO PLAN DE IGUALDADE
  • Definición das áreas de actuación en función do resultado do diagnóstico
  • Definición das medidas a adoptar
  • Calendario de actuacións e definición do período de vixencia
  • Sistema de seguimento
  • Sistema de avaliación e revisión
  • Redacción
  • Aprobación
FASE IV
IMPLANTACIÓN
  • Desenvolvemento de actuacións

Dependerá do establecido no calendario do plan

FASE V
SEGUIMENTO E AVALIACIÓN
  • Revisión do plan e das medidas
  • Desenvolvemento das accións de avaliación
  • Redacción do informe de avaliación

Dependerá dos períodos establecidos no calendario do plan, tendo en conta que como mínimo debe facerse unha avaliación intermedia e outra final.

REXISTRO NO REGCON
  • O prazo de presentación está aberto todo o ano. Debes ter en conta que o proceso de rexistro no REGCON é un proceso cuxa tramitación adoita resolverse con bastante prontitude unha vez comprobada a información requirida para tal fin. A duración media do proceso adoita ser inferior a 3 meses, aínda que esta duración pode variar.

Durante os 15 días seguintes á data de firma de aprobación do plan de igualdade

CERTIFICACIÓN DA ACREDITACIÓN
  • O prazo de presentación está aberto todo o ano. Neste caso, os prazos para a resolución da certificación non adoitan ser nunca inferiores a 6 meses, xa que o procedemento administrativo para a súa tramitación require unha maior complexidade e son varias as unidades administrativas responsables da verificación da documentación (Consellería de Emprego e Igualdade, Organizacións Sindicais e Inspección de Traballo).

Ás empresas que soliciten unha subvención para a elaboración do Plan de igualdade esixiráselles, para a súa xustificación, a copia da solicitude de certificación do Plan de igualdade presentada á Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade e o número de depósito no REGCON.