Independentemente do cumprimento da obrigatoriedade legal de implantar un Plan de Igualdade, acometer medidas de igualdade efectiva no ámbito laboral constitúe unha responsabilidade empresarial necesaria para avanzar de forma progresiva na consecución da igualdade de oportunidades no ámbito empresarial.

Por tanto, integrar o principio de Igualdade nas empresas, serve para:

Crear unha nova cultura empresarial entre as empresas

A igualdade é un novo elemento estratéxico que introduce formas innovadoras de xestión e mellora a eficacia organizativa das empresas ao ter un maior coñecemento do seu funcionamento.

Mellorar a súa imaxe externa

Proxectando unha imaxe positiva sobre o seu compromiso coa responsabilidade social, que permite unha maior atracción e retención do talento e de clientela e achegando un elemento de diferenciación coa competencia.

Eliminar as desigualdades entre traballadores e traballadoras

Posto que permite detectar situacións de discriminación e establecer medidas que eliminen os desequilibrios e as desigualdades

Conseguir o equilibrio de sexos nas estruturas de persoal

O que favorece unha fidelización do persoal máis idóneo.

Garantir as mesmas oportunidades de formación e promoción empresarial na empresa

Motivando aos equipos de traballo, incrementando o seu compromiso coa empresa, o rendemento e a calidade dos servizos e produtos que se ofrecen.

Asegurar que a selección de persoal se realiza sen distincións de xénero

Porque optimiza os recursos humanos e facilita unha maior retención e aproveitamento do talento.

Procurar a igualdade retributiva entre as persoas que desenvolvan os mesmos traballos

O que mellora o clima laboral.

Favorecer a conciliación laboral, persoal e familiar desde a corresponsabilidade

Previr o acoso sexual e por razón de sexo na organización

E estas medidas, achegan ás empresas que teñan implantado un Plan de Igualdade as seguintes vantaxes e beneficios:

Mellora a produtividade

A revisión da organización da empresa permite establecer melloras nas quendas de traballo, os tipos de contrato, os salarios, etc. incrementando a eficacia da organización e a súa produtividade.

Mellora a imaxe EXTERNA

A implantación dun plan de igualdade axuda a transmitir o compromiso real da empresa coa responsabilidade social, o que se traduce nun recoñecemento por parte do mercado.

Mellora a imaxe INTERNA

Mellora a comunicación co persoal, que se sinte máis integrado e partícipe da empresa, o cal fortalece a reputación da empresa.

Reduce o absentismo laboral

A mellora na xestión do persoal, establecendo medidas para a conciliación, a flexibilidade laboral, etc. reduce o estrés e diminúe as baixas laborais.

Mellora o clima laboral

Aplicar medidas igualitarias axuda a xerar un clima de confianza e mellora a motivación das persoas no entorno laboral, o seu rendemento e calidade do traballo; xa que se reduce a conflitividade.

Fideliza, atrae e retén o talento

A optimización da xestión do talento na empresa favorece o desenvolvemento da creatividade e a innovación, favorecendo a motivación do persoal e, á vez, fortalecendo a reputación empresarial.

Fomenta a diversidade no lugar de traballo

Incrementa a diversidade de perspectivas, axuda a desenvolver a creatividade, aumenta a motivación e a produtividade.

Racionaliza os horarios

A mellora na xestión do persoal contribúe a un uso dos tempos máis racional e a unha xestión das persoas moderna e máis eficiente.

Mellora a xestión da empresa

Establece a prevención para detectar situacións de discriminación, adoptar a tempo as medidas correctoras e actuar de forma eficiente para evitar a conflitividade laboral.

Vantaxes competitivas na relación coa Administración pública

Achega unha maior baremación de puntos para as empresas que teñan implantado un plan de igualdade á hora de establecer contratos coa administración pública ou para a obtención de axudas e subvencións.